ACTIVISMO E
PENSAMENTO
O nacionalismo
galego non é unha causa que teña a simpatía natural dos que defende.
“Nós temos confianza no povo e axiña o povo terá confianza
en nós”. A segunda parte do
lema non deu chegada aínda.
Os movimentos que defenden causas
impopulares e difíceis son propensos a deformacións. Estar á defensiva cando
as forzas defrontadas son moi desparellas cría exaxeros, ocultación de
realidades incómodas e fantasías consoladoras. E iso da unha vantaxe a
quen quer que todo siga
Unha desas
deformacións é a sobrevaloración do sacrificio.
Non é doado manter o compromiso cunha causa
ingrata. E seguramente que tampouco con causas máis gratas.
As recompensas que oferecen as causas gratas e as ingratas
son diferentes, pero sempre as hai.
Desde as materiais até as psicolóxicas. As
primeiras poden rematar en corrupción manifesta, son visíbeis e provocan
condenación. As outras son máis sutís, conxelan e
acorazan o pensamento e úsanse para xustificar todo. O pior disa ideoloxía do sacrificio,
cando se espalla na imaxinación de dirixentes e
militantes, é que couta a criatividade. E se nalgures é
indispensábel a criatividade é nos movimentos a contracorrente, entre os que
está o nacionalismo galego.
O activismo
político ou social non pode dispensar do pensamento. Nen sequer se abondase no
seio do nacionalismo o pensamento fecundo e dinámico, que non abonda, estaría
de máis a reflexión miuda no quefacer diario, para evitar a militancia de
autómatas.
Os movimentos anovadores –e o
nacionalismo galego naceu para anovar– teñen que estar xustificándose a cada
intre. Os que non son anovadores xa teñen ese
traballo feito e poden descansarse na inercia e actuar de memoria.
O sacrificio non
xustifica todo. E o que non pode xustificar nunca é o
desleixamento intelectual.