O ABORTO

 Nas maneiras de abordar o problema do aborto hai moita incoerencia e moita ideoloxía, tanto nos que están a favor como nos que están en contra.

 A posición antiaborto baseáse no direito á vida e na crencia de que, unha vez que a vida empeza, no momento da conceición, non hai direito a suprimila.

 A falta de coerencia está en que ese direito sagrado á vida non o aplican sempre os que se apontan dese lado. Moitos dos que predican contra o aborto non predican có mesmo entusiasmo contra a pena de morte (algúns son incluso partidarios dela), nen contra as matanzas e as guerras, nen contra esas prisións horrendas nas que cada día se mete a mais xente “pobre”, que é como enterrar vivos aos que aínda non morreron. O entusiasmo pola vida parece aplicarse únicamente en cuestións relacionadas coas mulleres e coa familia. As raíces desa postura están tan entangarañadas coa misoxinia do sistema patriarcal e có culto á familia tamén patriarcal, que os inimigos do aborto perden forza  mesmamente porque os motivos non parecen tan limpos e xustos como debían ser.

 Tamén é discutíbel esa sacralización da vida que se fai habitualmente na postura antiaborto, non porque a vida non sexa sagrada, senon porque os intérpretes e administradores das relixións valéronse dese conceito para desculpar e favorecer condicións de vida infames e inhumanas. E tamén porque inseriron confusión entre o respeito á vida e a reproducción sen límites, cando mais ben compre pensar que o verdadeiro respeito á vida tería que respeitar as condicións nas que se nace, se vive e se morre, e que viver na miseria ou sen traballo non é vida, e que iso non merece respeito senon que hai que transformalo radicalmente.

 Cando xurden erros gravísimos na sociedade e hai que acudir a accións que non son desexábeis pero viran necesarias por circunstancias que cría a propia sociedades –e isto é o que sucede có aborto- , o mellor que se pode facer é sensibilizarse ao problema, chegar á raíz del e examinalo desde aí, porque o mais probábel é que mudando a raíz desapareza o problema. O pior que se pode facer é tentar solucionalo a golpe de pruma, decreto e lexislación. Cando se trata dun problema de vida e morte que non se pode resolver nas circunstancias sociais e psicolóxicas que reinan na sociedade porque é un problema que non tería xurdido nunha sociedade que non practicase a inxustiza radical do sistema patriarcal, talvez o único que se poda facer é, até que muden as condicións, deixar o asunto ao entendementos de cadaquén, sen imposicións dun lado nen do outro.

 No asunto do aborto entran  os direitos fundamentais de tres personas: a nai, o pai e unha terceira persona en potencia.  E todos somos, toda a vida, até morrermos, personas en potencia. Que as mulleres queran ter o direito a abortar indica até qué ponto están maltratadas no sistema patriarcal, porque ninguén pode querer o direito a padecer un trauma fisiolóxico e psicolóxico como o que supón abortar. Outra cousa é que non queran ser perseguidas por facelo.

 Nestes momentos a direita “relixiosa” actúa neste tema con fanatismo e incoerencia relixiosa, porque o de “non matar” aplícase a todos, e quen crea niso non pode nen matar nas guerras, nen facilitar armas para esas guerras, nen torturar (que ven sendo unha forma de matar), nen mandar a ninguén á forca ou á silla eléctrica. Pola outra banda, moita da esquerda destes momentos confunde o progresismo có hedonismo, como facía antes a direita, e practica unha actitude egoísta de gratificación inmediata, incoerente cós anceios solidarios no tempo e no espacio. Non hai que esquecer que as raices misóxinas e patriarcais, e as súas consecuencias autoritarias, son tan fortes na esquerda como na direita, aínda que tomen formas diferentes.

 O papel que corresponde á política na cuestión do aborto é o de loitar por que se estabelezan condicións xustas na sociedade e todo o mundo poda viver unha vida que valga a pena e que non sexa pior que a morte.

 

Voltar a Eivas Patriarcais