A TRAIZÓN AO ESPÍRITO

A TRAIZÓN AO ESPÍRITO

 

Os que mais atraizoan o espírito son mesmamente os que mais falan en nome del (ou dela, porque non hai que esquecer que a palabra espírito é feminina ou neutra en moitas línguas, e que non se debe asociar ao masculino). As relixións, todas elas, foron as que mais falaron do espírito e mais o atraizoaron para acadar mando político, social e psicolóxico. E por iso fixeron tanto dano e sementaron tanta barbarie e tanto atraso.

 

As relixións apropiáronse do espírito e fixeron crer que eran a mesma cousa. Mas o espírito non é a relixión. O espírito funciona cunha exactitude cuase matemática e as leis do espírito son tan inexorábeis como as leis físicas que rexen o universo. A lei de causa e efecto funciona no ámbito espiritual igual que no material; o que pasa é que nos adoutrinaron de tal xeito que nen sabemos vela.

 

O espírito non pode ser inxusto, impositivo ou atrabiliario. As relixións ensinaron atrabiliaridade, inxusticia e desatino en nome de deuses caprichosos que actuaban según o modelo do pai patriarcal. A función das relixións tería que ser explicar como funciona o espírito, ensinar a entendelo e a manexalo con xeito, e logo cada una delas poderá engadir a realidade metafísica final, é dicer, desenvolver cada unha á sua maneira o que poda haber detrás dese espírito e o sentido último que poda ter. Mas o que fan é sustituir as leis do espírito polas leis que mais lles apetece para xustificar a ansia de poder. No plano espiritual, as relixións levaron aos fieis de cada unha delas ao equivalente de se botaren á mar nun barco mal feito e sen saberen navegar. E fixeron naufragar aos crentes e ás sociedades que acreditaron nelas.

 

O espírito nen sequer é “moral”. O que pasa é que, igual que as cousas cain para abaixo e non para riba, o que se fai mal da maus resultados e o que se fai ben da bons resultados. Por iso vai contra as leis do espírito o de que o fin xustifica os meios, e por iso os resultados dese principio foron pésimos. Teñen tamén moita importancia os motivos do que se fai: non se poden gañar batallas, por exemplo, se os motivos non son puros, é dicer, se están contaminados e mesturados. Se os motivos son incompatíbeis, os resultados que se queran por un deles serán distintos dos que se queran polo outro  e se anularán entre sí, coa mesma inexorabilidade que dous e dous son catro e non cinco.

 

A traizón das relixións ao espírito deu por resultado un mundo no que falta intelixencia e pericia espiritual e no que se actúa como se as pedras caísen para riba e non para abaixo.   

 

                                                                                Voltar ao boletin en curso